Ponte... nas Ondas!

PNO! abre o Mes do Patrimonio 2026 coa festa do Día Internacional do Patrimonio Inmaterial

• O Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, acolleu a entrega dos premios do certame o venres 16 de outubro, véspera do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).
• Aulas dos concellos de Vigo, Mos, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Tui, Pontevedra, Marín, Mondoñedo, Bertamiráns e Cospeito, en Galicia, e de Guimarães e Póvoa de Varzim en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• O director xeral de Patrimonio, Ángel Miramontes, felicitou a PNO! Pola súa traxectoria e quixo ter un recoñecemento moi especial para o profesorado polo seu esforzo en prol do patrimonio.

“Esta marabilla de acto é un exemplo do músculo, traballo, esforzo e dedicación de Ponte…nas Ondas! á posta en valor do patrimonio, e de por que este modelo é recoñecido tamén a nivel internacional”, subliñou o director xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes, na súa intervención este venres durante a entrega en Vigo dos Premios Imaxes do Patrimonio.

Miramontes amosou en nome da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a súa satisfacción por compartir “un día como o de hoxe, centrado en poñer en valor o patrimonio inmaterial galego”, na véspera do propio Día Internacional do Patrimonio Inmaterial. O director xeral destacou a gran calidade dos traballos premiados e quixo ter “un recoñecemento moi especial para o profesorado, que saca tempo para apoiar actividades como esta, capaces de poñer en valor e transmitir a sensibilidade en prol do patrimonio cara ás xeracións futuras”.

Pechou o evento, previa á última actuación musical, o presidente de PNO!, Santiago Veloso, quen agradeceu a presenza de alumnado e profesores e animou a comezar a traballar xa na que será a décima edición deste certame e que felicitou tamén especialmente ao xurado, polo seu difícil labor de peneirar entre todas as estampas recibidas para escoller os traballos máis destacados.

As imaxes premiadas

O Farrucacho, pesqueiro que faenaba no Gran Sol a mediados do século pasado; unha familia esfollando mazarocas de millo entre cantigas de esfollada no ano 1962; o bisavó que montaba circos aló por 1954; o emigrante que logo de peripecias diversas volve á aldea cun “Buick Sedonette”; o bisavó Silverio, picando pedra na canteira de Matamá, con Vigo dos anos 30 do século pasado ao fondo; a malla, en Vilanova, Lalín, no ano 1956; a bisavoa Saturna, anos 40, costureira do mar, tecendo redes en Combarro…

Os anteriores son tema dalgunhas das extraordinarias estampas, con grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas neste IX Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha
nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte…nas ondas!

Coa actuación de Paco Nogueiras, que foi o encargado de conducir o evento, Ponte… nas Ondas! celebrouse así este venres 16 de outubro a gran festa do Día Internacional do PCI. Unha gala musical na que foron entregados os premios desta novena edición do Certame “As imaxes do Patrimonio” e que contou coa asistencia dos 15 centros premiados.

A gala musical celebrouse no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e foi transmitida en directo a través da canle de youtube e a web de PNO!, onde xa pode verse a gravación.

O xurado estivo constituído por Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga do CSIC, Verena Sevá Nogueira, investigadora e antropóloga, Sergio Pereira Ibáñez, antropólogo, Cristina Rocha Novoa, fotógrafa, Fran Valcárcel, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! e Mª Jesús Álvarez Paz, secretaria da asociación actuando como con voz e sen voto.

Acceso ás imaxes premiadas: https://pontenasondas.org/ix-certame-premiadas/

A GRAVACIÓN DO EVENTO

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Baner Modelo PNO!
Xornada Multimedia 2026
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas