• Coincide coa exposición “UN MODELO PARA O MUNDO. 30 ANOS DE PONTE…NAS ONDAS!” que percorre tres décadas dun modelo mundial de innovación educativa e salvagarda patrimonial
• A mostra, financiada polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia está aberta no Claustro Alto de Fonseca no marco do Outono Cultural da USC e repasa tres décadas de radio escolar transfronteriza e salvaguarda do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.
• Conta con paneis interactivos, arquivos sonoros e audiovisuais e testemuños de voces da cultura e da comunicación.
• Os centros escolares continúan diariamente as visitas gravando os seus propios podcast nun set de radio habilitado na Capela da Universidade.
A Consellería de Educación e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!) realizan unha xornada formativa no “modelo PNO!” destinada á formación do profesorado da rede de centros “Modelo PNO! de boas prácticas co PCI” creada pola Consellería desde hai catro cursos. Cada curso escolar incorpóranse á rede 10 centros novos e agora mesmo son 41 centros os que xa conforman a Rede “modelo PNO!”.
A xornada realízase no Salón Nobre de Fonseca e estará presidida pola Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e contará con María Evalengista do IPCE (Instituto del Patrimonio Cultural de España) en representación do Ministerio de Cultura e de Santiago Veloso, presidente de PNO!
Arrededor de 80 profesores de ensino infantil, primario e secundario participan na xornada onde se exporán traballos co PCI realizados nos centros de toda Galicia e tamén se presentará o libro “O patrimonio vivo. Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Investigación e educación” da Editorial Galaxia.
Visitas escolares
Un espazo tan simbólico como Fonseca -xa que a Universidade completa o ciclo educativo dun proxecto que abrangue desde os tres anos ata o ensino superior-, a exposición propón unha inmersión na fórmula que levou a PNO! a ser inscrita en 2022 no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO: a unión de educación, patrimonio, comunicación e novas tecnoloxías.
Un estudo de radio en vivo na Capela da Universidade
Fiel á filosofía de PNO! de aprender facendo, a mostra complétase cun pequeno set de radio instalado na Capela da Universidade. Neste espazo, o alumnado dos centros educativos que visiten a exposición ata o vindeiro 20 de novembro participará en obradoiros prácticos nos que gravarán os seus propios podcasts arredor do patrimonio.
A exposición está coordinada por Santiago Veloso, con textos e documentación de Roberto Noguerol, deseño gráfico de Andrés Meixide, deseño expositivo de Lía González, produción videográfica de Casa de Tolos, obradoiros a cargo de Damián Alonso, revisión lingüística de Uxía Iglesias e produción de José Manuel Diego. Ademais conta cun servizo de mediación e visitas guiadas xestinado por Closet Comunicación.
O proxecto está financiado polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia, e conta coa colaboración institucional da USC -no marco do seu Outono Cultural 2026- e do Consello da Cultura Galega.

