Ponte... nas Ondas!

PNO! celebrou o RadioVisual do Patrimonio máis mariñeiro na súa visita a Muros

• O Auditorio Municipal de Muros acolleu este xoves 30 de abril o segundo dos eventos desta iniciativa, que contou co protagonismo nesta ocasión do alumnado do IES Plurilingüe Fontexería e a actuación en directo de Caamaño & Ameixeiras.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• A Ribeira de Piquín, Mondariz Balneario, Castro de Rei e Quiroga serán as próximas paradas do RadioVisual.

“Entre o chiar das gaivotas que debuxan círculos no ceo e o arrecendo a salitre que inunda as rúas, as conversas de Muros aínda gardan o eco de palabras antigas; palabras que saben a mar e a historia”. Así enfiaba o xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira, mestre de cerimonia este xoves 30 de abril, o inicio do RadioVisual do Patrimonio desde o Auditorio Municipal de Muros.

O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.

O salitre na pel, o horizonte nos ollos: patrimonio mariñeiro muradán

Na segunda das súas paradas esta primavera, o Radiovisual comezou coa animación musical do duo Caamaño & Ameixeiras, que armadas unicamente de violín, acordeón e voz fixeron gozar o público coa súa destreza na reinterpretación da música de raíz. Pasou despois polos micrófonos a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón, quen se enfrontou ao desafío das cuestións e a curiosidade do alumnado, que encheu toda unha caixa de preguntas para a que quedou curto o tempo de peneiralas todas. Subiu despois ao escenario Vicente, Chente, “un home que leva o salitre marcado na pel e o horizonte gravado nos ollos”, muradán xubilado logo de cumprir o soño de ser patrón do seu propio barco, quen guiou a rapazada pola súa memoria mariñeira.

E na voz tamén do alumnado, escoitamos, a xeito teatralizado, todo un abano de vocabulario pouco coñecido: ghaldrupeiro, esbaghasado, cachimán, culimaia, sorromatrocos… Ao fío, a rapazada, acompañada da profesora María Xosé Lago, explicoulle a audiencia o proceso de recollida e peneira das palabras. O traballo arredor das imaxes do patrimonio ocupou tamén espazo neste radiovisual, xa que o IES Fontexería leva desde a primeira edición do Certame de Imaxes do Patrimonio de PNO! moi comprometido na peneira de imaxes con historia que contan saberes.

A xornada puido seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e da web da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org), onde xa se pode ver tamén a gravación do evento.

GRAVACIÓN DO EVENTO

GALERÍA DE IMAXES

RadioVisual do Patrimonio 2026 - Muros

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui

Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas