Ponte... nas Ondas!

PNO! recibe o I Premio María Xosé Rodríguez Valcárcel

• Galardón promovido polo EDLG da EPAPU Albeiros de Lugo en homenaxe a quen foi directora deste centro educativo e recoñecida activista cultural e en prol da lingua galega.

• A asociación recibiu o recoñecemento durante o evento celebrado este venres 20 de xuño na sede da escola en Lugo.

A EPAPU (Centro Público de Educación Permanente de Adultos) Albeiros de Lugo celebrou este venres 20 de xuño o remate do curso coa entrega do I Premio María Xosé Rodríguez Valcarcel á Asociación Ponte… nas ondas!

Segundo recordou a actual directora do centro, Amalia Vázquez, na súa lembranza da finada autora e docente, PNO! representa o espírito de tender pontes que María Xosé Rodríguez Valcárcel defendía e reivindicaba, e é por este motivo que o centro considerou a asociación merecedora de iniciar a andaina do galardón. Os promotores do premio subliñaron que PNO! realiza un labor desinteresado e solidario cos centros educativos, “asemade de realizalo en lingua galega e, neste caso, arrequentado co idioma irmán portugués. Ponte máis que solidaria”. A EPAPU Albeiros considera así que Ponte…nas ondas! constitúe o mellor exemplo para a iniciar este premio que honra a memoria dunha persoa que se distinguiu polo seu coñecemento, polo amor á docencia e á cultura.

María Xosé Rodríguez Valcárcel, vida de cultura e compromiso

Nun evento no que asistiron tamén a nai e a irmá de , lembrouse a intensa vida de compromiso desta profesora de lingua galega, doutora, investigadora, políglota e tradutora, ávida lectora e tamén directora deste centro de Adultos. Moi coñecida no mundo da docencia e da cultura da cidade de Lugo así coma nas asociacións en defensa da lingua galega, María Xosé foi autora de diferentes publicacións sobre sociolingüística e en 1996 gañou a décima edición do Premio literario Ánxel Fole, co libro ‘Aureliano J. Pereira no rexurdimento galego’. No acto lembrouse tamén o seu labor como tradutora, especialmente o volume ‘Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO’.

Na defensa da ponte do patrimonio galego-portugués

Ao escritor e investigador do patrimonio cultural Antonio Reigosa, quen foi colaborador de diversos proxectos da Asociación e tamén xurado dos certames de recolla da tradición oral galego-portuguesa, correspondeulle o labor de facer breve resumo da traxectoria de PNO! ao longo destes 30 anos de actividade. Reigosa lembrou especialmente o traballo e a repercusión no seu momento da presentación da candidatura á UNESCO do patrimonio oral galego-portugués, e destacou que PNO! é un modelo en todos os sentidos “nun momento no que a creación de pontes entre Galicia e Portugal é máis necesaria que nunca” para superar os impedimentos a esa relación natural que ten que haber entre os dous pobos.

Interviron por último o presidente de PNO!, Santiago Veloso, quen aproveitou para recordar o recente e magnífico evento celebrado pola comunidade educativa luguesa no auditorio Fuxan os Ventos para a celebración do 30 aniversario de PNO!, e a secretaria de PNO!, Chus Álvarez, quen falou da realidade conseguida á fin da rede de centros modelo de boas prácticas co patrimonio inmaterial, convidando os centros lugueses a unírense ao proxecto.

PNO! recibe o I Premio MARÍA XOSÉ RODRÍGUEZ VALCÁRCEL

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí


Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas