Ponte... nas Ondas!

Ponte… nas Ondas! presentada pola UNESCO como un exemplo de candidatura multinacional de boas prácticas

• Nunha sesión dedicada ás candidaturas multinacionais de Patrimonio cultural inmaterial (PCI), Ponte…nas ondas! foi convidada en calidade de ONG consultora acreditada.

• O Ministerio de Cultura de España presentou, a petición da UNESCO, a experiencia de Ponte…nas ondas! (PNO!) como un exemplo e un modelo de boas prácticas.

• A UNESCO escolleu o exemplo de PNO! para elaborar unha guía para as propostas multinacionais e as boas prácticas co PCI.

En decembro de 2022, o Comité da Convención de PCI de 2003, na décimo sétima reunión (en Rabat, onde foi inscrito o modelo PNO!), acordou debater sobre os expedientes de inscrición multinacionais. Esta iniciativa abordaría aspectos como o intercambio de boas experiencias de salvagarda en relación cos elementos multinacionais inscritos e as boas experiencias de cooperación na preparación das propostas de inscrición.

Para tratar estas cuestións de elementos multinacionais o secretariado convocou unha sesión o pasado 4 de xullo onde se debateron cuestións como as vantaxes e retos das propostas multinacionais, a cooperación internacional e as boas experiencias de salvagarda de elementos multinacionais centrados nas comunidades.

Nesta reunión internacional onde participaron máis de 150 países e ONGs que traballan o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), tiña como obxectivo informar e esclarecer as dificultades reportadas por países e ONGs sobre a presentación de candidaturas multinacionais do PCI á UNESCO. Para demostrar casos específicos e de suceso, a UNESCO convidou ao Ministerio de Cultura de España a presentar o exemplo do “modelo PNO!” como unha boa práctica na tramitación dun expediente internacional xa inscrito.

Ao mesmo tempo convidou a PNO! como ONG consultora para mostrar a súa experiencia de traballo co PCI ao longo de tres décadas.

Por parte do Ministerio de Cultura interveu a subdirectora xeral de Patrimonio, María Agúndez, quen expuxo todo o proceso da candidatura de PNO! ás boas prácticas. María Agúndez destacou a colaboración entre as as tres administracións implicadas (Ministerio de Cultura de España, Xunta de Galicia e Ministerio de Cultura e CNU de Portugal).

Por parte de PNO! interviu o antropólogo Álavaro Campelo da Universidade Fernando Pessoa do Porto e investigador do CRIA (Centro em rede de investigaçao em antropologia). Campelo destacou que o simple feito de UNESCO escoller como exemplo a PNO! é un motivo de orgullo para todos as persoas e entidades que desde hai tres décadas se implican no proxecto, ademais de resaltar o traballo das escolas de Galicia e Portugal co PCI involucrando a alumnado e profesorado xunto com persoas portadoras do PCI.

A súa intervención centrouse nos seguintes puntos:

1. A historia das comunidades onde se insire o proxecto Ponte…nas ondas! facilitou o traballo multinacional sobre o PCI e a construción da primeira candidatura de PCI promovida por centros educativos de dous países en 2004 e a posterior candidatura ás Boas Prácticas inscrita en 2022.

2. A pesar de termos un patrimonio cultural compartido, o suceso de Ponte…nas ondas! débese ao compromiso e entusiasmo dos profesores e alumnos das escolas deste territorio, así como aos apoios de entidades académicas, políticas e asociativas e ao traballo co PCI.

3. A exemplaridade de Ponte…nas ondas! está na base dos seus obxectivos: traballar a comunidade escolar en complicidade coas comunidades locais e os portadores do PCI, ou sexa, é da base da comunidade onde xorden as actividades e se organizan os proxectos de traballo e investigación.

4. A realización de eventos e a elaboración de contidos faise en todos os ámbitos do PCI. Dese traballo teñen saído a edición de discos e a publicación de libros xunto con recursos e contidos multimedia.

5. Conscientes de sermos herdeiros dun patrimonio cultural que atravesou fronteiras, presente agora en varias nacións e continentes, debido ás migracións e tamén ao colonialismo, PNO! ten achegado os seus proxectos a escolas deses países e continentes, no recoñecemento dun patrimonio compartido, que debe ser, na actualidade, unha oportunidade para a fraternidade e a superación de todo o tipo de dominación.

6. Por último, informouse aos presentes que xa se está a implantar o “modelo PNO!” nos Planos Educativos das Escolas e estase a preparar un Centro do Patrimonio Cultural Galego-Portugués.

A recepción a esta intervención foi saudada polo Secretariado da UNESCO e por algúns dos participantes e foi gratificante saber que este exemplo de PNO! é de gran relevancia para a UNESCO e apreciado por todos os que traballan co PCI e buscan prácticas e modelos innovadores de transmisión e valorización pedagóxica do PCI.

Do tratado nesta sesión poderase presentar unha guía-referencia para o seu exame na 19ª reunión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrará en Asunción (Paraguay) do 2 ao 7 de decembro de 2024.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Día Internacional do Patrimonio Inmaterial 2024
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas