Ponte... nas Ondas!

Reivindícase en Ourense o papel do patrimonio inmaterial como ponte entre a escola e a sociedade

O reitor da UVigo e o secretario de Estado de Educación de Portugal asisten á inauguración do congreso internacional na Facultade de Educación e Traballo Social.

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollu o xoves 16 de novembro a apertura do 6º Congreso Internacional Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación, que ten por lema Ponte entre escola e sociedade. Nel desenvólvese unha intensa programación na que se afonda na identificación, valoración, interpretación, transmición e dinamización deste patrimonio a través da educación, dedicando unha especial atención á conmemoración neste 2023 dos 20 anos da aprobación da convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (PCI).

A cita, á que asisten arredor dun centenar de persoas, está organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo; polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense; por Ponte…nas ondas!, oenegué consultora acreditada pola Unesco desde 2015 e recoñecida en 2022 como modelo de boas prácticas do PCI na Unesco, e pola Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), en colaboración con entidades, universidades e outras organizacións.

Na súa inauguración este xoves no Edificio de Ferro do campus de Ourense, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, recalcou como “o patrimonio inmaterial forma parte do que fomos, do que somos e do que seremos” e a importancia de vinculalo coa educación xa que, lembrou, “a construción dunha sociedade mellor empeza na escola”. Do mesmo xeito, Antonio Leite, secretario de Estado de Educación de Portugal, destacou que “a escola ten un papel determinante na transmisión do patrimonio, sobre todo se é a escola que queremos para este século” e salientou como a salvagarda e transmisión do patrimonio inmaterial “é un traballo que non remata e no que temos que profundar”, pondo en valor o exemplo de Ponte…nas ondas!. Pola súa banda, César Fernández, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, lembraron o compromiso das institucións que representan co patrimonio inmaterial e Daniela Fonseca, pró-reitora para a Cultura e Serviços de Documentação da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal), e Esmeralda Carvalho, en representación de Ponte…nas ondas!, valorizaron “o soño cumprido” de acadar o recoñecemento da Unesco para esta iniciativa da raia galego-portuguesa.

Tres día de intensa programación

O congreso, que aposta por unha perspectiva multidisciplinar pero cun enfoque moi educativo, comezou este xoves 16 de novembro coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial e inclúe un amplo abano de comunicacións, conferencias e mesas redondas sobre patrimonio cultural inmaterial e exemplos do seu uso educativo. Nelas afóndase en cuestións como a integración do PCI na educación (dedicando especial atención ao caso galego-portuguesés) e ao patrimonio inmaterial doutras zonas da península ibérica recoñecido pola Unesco. Igualmente este xoves pola tarde acolle a reunión de traballo de responsables das facultades de educación e centros de formación do profesorado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de analizar o papel do PCI na formación dos docentes e as posibilidades de integración do PCI galego-portugués nos currículos das titulacións educativas.

No encontro, lembrou Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, tamén se fará a sinatura de protocolo e compromiso de participación na Rede de Iniciativas do PCI da Raia Portugalega. Trátase da creación dunha rede de experiencias no ámbito do patrimonio cultural inmaterial á que están convidadas preto de 90 entidades (museos, asociacións, etc.) dos concellos da “raia”, co obxectivo de que “se coñezan, intercambien experiencias, se realicen formacións e, en definitiva, sexa útil para a sociedade”. Ademais, na programación tamén destaca este venres o acto de entrega de premios do 6º Concurso As Imaxes do Patrimonio, organizado por Ponte…nas ondas!, no que participaron escolares da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Paralelamente a estas actividades tamén se teñen habilitado varias exposicións arredor do patrimonio inmaterial no Edificio de Ferro do campus de Ourense. Unha, realizada co apoio do Concello de Ourense e situada na planta baixa, céntrase nos 20 anos da convención de PCI en España, recollendo imaxes do patrimonio distinguido con este selo. A segunda, situada na primeira planta deste edificio, recolle os traballos de escolares premiados na anterior edición do concurso As Imaxes do Patrimonio e a súa transformación en viñetas por destacados ilustradores. A actividade do congreso rematará o día 18 cunha visita a Vilarelho (Chaves, Portugal).

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas