A Ministra de Educación e Formación Profesional recoñece o labor de Ponte…nas ondas!

• Pilar Alegría considera que a experiencia “é un modelo innovador e un claro exemplo de renovación pedagóxica”.
• A ministra destaca “un proxecto educativo que soubo adaptarse aos novos ámbitos da comunicación e dixitalización para constituír un modelo exemplar de retransmisión do patrimonio”.
• O recoñecemento e apoio á asociación cultural e pedagóxica chega nunha carta remitida pola ministra cando falta pouco para coñecer a inscrición de Ponte…nas ondas! no rexistro das boas prácticas do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO.

“Visibilizar e revitalizar o patrimonio cultural inmaterial contribúe ao benestar e a calidade de vida das sociedades fomentando o aproveitamento social e económico das poboacións dunha forma ecolóxica e responsablemente sostible”, subliña Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional, na carta oficial remitida á Asociación cultural e pedagóxica Ponte…nas Ondas!

Sostén a ministra nesta misiva que contribuír hoxe en día a darlle visibilidade a ese tesouro invisible “que é a lingua que comparten dúas comunidades desde a época medieval”, é fundamental para “preservar o patrimonio cultural que moitas veces reside fóra da educación formal”. Hai que recordar ao fío que Ponte…nas ondas! vén reivindicando a inclusión do patrimonio cultural galego-portugués nos currículos dos sistemas educativos galego e portugués.

En apoio dun modelo pedagóxico innovador e participativo

Destaca na súa carta a ministra de Educación a relevancia dunha pedagoxía “activa, participativa, crítica” que sitúe no centro do proceso ao alumnado dos diferentes niveis escolares e aos portadores do saber tradicional como “valor engadido moi importante” á educación. Unha valoración que vén ao encontro da experiencia de Ponte…nas ondas! onde o alumnado é o protagonista principal xunto coas persoas portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués.

O Ministerio de Educación considera así que a experiencia de comunicación PONTE…NAS ONDAS! “é un modelo innovador e un claro exemplo de renovación pedagóxica xurdido na fronteira galego-portuguesa” e é “ un importante instrumento educativo para a salvagarda, a transmisión e a preservación do patrimonio inmaterial galego-portugués”.

Xustamente, a inscrición na UNESCO do modelo Ponte…nas ondas! vai respaldar e recoñecer a experiencia de comunicación como unha das boas prácticas para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.

Finalmente, recoñece Pilar Alegría que o proxecto educativo de Ponte…nas ondas! “ten demostrado unha solidez e uns principios pedagóxicos” que lonxe de quedarse anquilosados, souberon adaptarse aos novos ámbitos da comunicación “para constituír uun modelo exemplar de retransmisión do patrimonio”. Esta re-tramsmisión do patrimonio é eixo central no que Ponte…nas ondas! ten incidido ao longo da súa traxectoria, mediante as emisións radiofónicas e audiovisuais e fomentando unha “nova transmisión” do patrimonio ás novas xeracións.

Preme aquí para ler a carta completa da ministra

Compartir

1 Comentario

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here