Ponte… a brincar! Melgaço acolle a VIII Xornada de Xogo Tradicional

  • Os birlos, a chave, a billarda, a ra, os aros, as chapas, o truco, carreira de sacos, tiro de corda… Xolda e festa sen espazo para o aburrimento é o que se agarda este venres 24 de maio en Melgaço para a VIII Xornada de Xogo Tradicional.
  • O evento está organizado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! co apoio da Câmara Municipal de Melgaço.
  • Alumnado de centros educativos galegos e portugueses convivirán e serán protagonistas dunha completa xornada de lecer que recrea experiencias e brinquedos que, lonxe de desaparecer, amosan o seu imperecedoiro potencial lúdico e didáctico.

A vila portuguesa de Melgaço acolle o venres 24 de maio a VIII Xornada de Xogo Tradicional, onde poderemos enredar con algúns dos xogos que estaban a caer en desuso e que agora atopan o seu espazo nas aulas e outros, como é o caso da billarda, que mesmo viven un exitoso renacer social nos últimos anos. E todos eles terán o seu momento esta sexta feira na vila de Melgaço, onde se agarda que cerca dun milleiro de rapazas e rapaces chegadas dunha decena de escolas galegas e portuguesas gocen das actividades preparadas. Colaborarán na xornada ata 58 adultos e 25 monitores procedentes do Curso de Técnicos de Desporto da Formación Profesional da Escola Profissional do Alto Minho Interior (EPRAMI).

O interese polos xogos tradicionais gaña interese ano a ano, impulsado por actividades como as da Rede Galega do Xogo Tradicional e polo esforzo de moitos docentes que confían nos valores de diversión e pedagoxía que lle ofrecen á comunidade educativa estes encontros lúdicos e non competitivos. Moitos dos xogos e brinquedos son clara mostra ademais do patrimonio inmaterial galego-portugués, sendo explicados e interpretados a partir do seu nexo común, alén das diferentes variedades xeográficas que en moitos casos existen, como é por exemplo o caso da chave ou dos birlos.

Recursos para as aulas

Aquí podedes descargar unha presentación en diapositivas que resume as actividades a desenvolver e que inclúe vídeos de demostración:
http://pontenasondas.org/viii-xornada-do-xogo-tradicional-galegoportugues/

Na web de PNO tamén pode afondarse nos xogos tradicionais a través de diferentes actividades interactivas dispoñibles libremente para o uso en computadores, tablets e móbiles desde os fogares ou as aulas:
http://pontenasondas.org/recursos/

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here