Ponte…nas Ondas! convida os centros educativos a sumárense ao Día Mundial da Radio o 13 de febreiro

Como facer un podcast? – Guía rápida – Preme aquí para descarga

Novo Mundo, Nova Radio, é a proposta feita pola UNESCO para esta X celebración do DÍA MUNDIAL DA RADIO en 2021.

O mundo muda e a radio tamén. A radio gañou unha nova vitalidade en Internet e nas redes sociais. Novos soportes, como os podcasts, están a modificar as formas do medio radiofónico. A radio escolar tamén se adapta a estes novos formatos e Ponte…nas ondas! promove a participación do alumnado no medio radiofónico, vencellado ao patrimonio cultural galego-portugués. A cobertura deste patrimonio a través das radios escolares é o modelo de Ponte…nas ondas !

25 anos nas ondas do “radiovisual”

Ponte…nas ondas! foi a primeira experiencia radiofónica que emitiu en streaming, no ano 1997, cando aínda ningunha emisora de radio facía as emisións por Internet.

Na publicación do libro-disco-dvd NA PONTE, nas presentacións en directo, presentábase o formato “radiovisual” que mostraba unha experiencia de radio integrando a radio con videoconferencias e emisión por Internet.

Un novo mundo, unha nova radio

Ponte…nas ondas! convida ás escolas a participar no Día Mundial da Radio a través do portal ESCOLAS NAS ONDAS ( www.escolasnasondas.com ). Emitiranse os programas e podcasts que se reciban do alumnado galego e portugués.

Proponse ao alumnado as seguintes actividades:

  • Realización de programas de radio de diversos formatos e xéneros.
  • Realización de podcasts con referencias ao mundo da radio.
  • Audios de alumnado imitando formatos radiofónicos.
  • Programas de radio desde algunhas das materias do currículo.
  • Radio-visual ( a radio con imaxes desde a casa, desde a escola, desde a rúa…).
  • A radio no contexto da pandemia do COVID19.

Ademais, as radios escolares están emprazadas a presentarse publicamente describindo a súa actividade, os seus recursos e as súas realizacións.

Os traballos deben enviarse a : web@escolasnasondas.com

Preséntasnos a radio do teu centro?

Outra forma de participar é presentarnos a radio da túa escola: Como se chama? Onde está? Que fai? Que medios ten? Envíanos a túa saúda para o Día Mundial da Radio!

Obradoiros de radio

Ponte…nas ondas! está realizando obradoiros de radio nos centros educativos e colabora na posta en marcha de radios escolares, unha demanda que procura a mellora da competencia comunicativa do alumnado e competencia dixital.

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here