Ponte... nas Ondas!

Crónica do 25 de novembro de 2015

O patrimonio inmaterial galego-portugués exhibe a súa excelencia na GALA DO PATRIMONIO e na MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA

Ponte…Nas Ondas! celebrou en Tui, o 25 de novembro, unha MOSTRA DA ORALIDADE e unha GALA DO PATRIMONIO, coincidindo coa data da presenza deste patrimonio na sede da UNESCO hai dez anos e tamén co día no que recolleron o Premio Ondas en 2014.

O 25 de novembro é unha data moi especial para a asociación Ponte…nas ondas! e por esta razón quixeron celebralo e compartilo coas persoas e comunidades portadoras do noso patrimonio común galego-portugués. Lembran que desde hai dez anos, este patrimonio agarda pola súa inscrición na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO e poñen como exemplo o flamenco que non sendo proclamado en 2005, as administracións conseguiron inscribilo en 2010. No caso do patrimonio oral galego-portugués a propia UNESCO recomendou voltar a presentar de novo a súa candidatura. Pero o traballo de PNO! continuou e tivo o seu recoñecemento coa obtención do premio ONDAS pola “mellor cobertura informativa“ deste patrimonio. Precisamente o 25 de novembro de 2014 recollían o prezado cabaliño no Liceo de Barcelona.

TEMOS PATRIMONIO !

Este 25 de novembro os actos comezaron coa MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA que baixo a denominación ‘Temos Patrimonio!’ convocou no Teatro Municipal de Tui a alumnado de 11 centros educativos de Galiza e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira. Tradición que se mantén viva a través da música, o teatro, a narración oral… Na Mostra participaron o escritor e músico Xurxo Souto, o grupo de música tradicional Tradisón liderado por Xurxo Antúnez, o grupo de música A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Graeme teatro. A Mostra contou co apoio da Xunta de Galicia e do proxecto europeo CampUSCulturae que coordina a Universidade de Santiago.

IMAXES:https://flic.kr/s/aHskmCZa3s

MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA-2015

A GALA DO PATRIMONIO

Ao atardecer ecoaron polas rúas de Valença do Minho e de Tui, os sons das treboadas e os zés pereiras anunciando que o patrimonio galego-portugués ía darse cita no teatro municipal de Tui. Ás 20:30 horas os atronadores sons dos bombos, dunha e doutra beira do Miño, abrían unha gala que durante dúas horas mantería ao público emocionado co que vía e escoitaba, manifestacións de excelencia do seu patrimonio. Foi o propio condutor da Gala quen se puxo á fronte dos bombeiros das treboadas. Xurxo Souto, o trebón da noite que mantivo coa vitalidade e forza da súa palabra o espíritu da gala.

Unha Uxía de voz esplendorosa calmou o auditorio cun alalá que encheu de emoción aos asistentes e Narf acompañouna cuns sons de guitarra eléctrica que desafiaban a pandeireta nas mans de Uxía. Polo medio houbo tempo para lembrar a infancia cun fermoso tema de Manuel María.

Foi nunha radio, colocada no escenario, onde Xurxo Souto exerceu de locutor-presentador e desde onde se escoitaron no dial as Vozes da Rádio, o quinteto vocal do Porto. Un auténtico torrente de voces que ademais de realizar todos os sons de instrumentos e percusións coa súa voz, divertiron ao público con temas satíricos.

E co sorriso aínda nos beizos, a palabra de Quico Cadaval ocupou o estudio radifónico nun man a man entre dous grandes comunicadores. Quico Cadaval explicou que o patrimonio galego-portugués salta por riba das fronteiras e hoxe é unha aunténtica rede de unión na lusofonía e contou historias relacionadas co contrabando e a fronteira. Do outro lado do río, recén chegado de Australia, Augusto Canario, acompañado por Cándido Miranda fixeron unha demostración de enxeño e axilidade interprentando diversas modalidades de regueifas e desgarradas. Remataron cun tema de Nelson Vilarinho de Covas, un dos grandes tocadores de concertina xa desaparecido e a quen desde Ponte…nas ondas! se quixo render homenaxe como exemplo de persoa portadora do patrimonio.
Xurxo Souto preguntoulle a Canario pola vitalidade da regueifa e o portugués loubou o labor de transmisión ás novas xeracións que se está a facer en Galiza.

Desde o Val do Neiva, as Cantadeiras do Neiva exhibiron unha prodixiosa policromía vocal na interpretación de cantos tradicionais recollidos no norte de Portugal. Lembraron que o grupo foi a voz e a imaxe do proceso da Candidatura hai dez anos e mostraron a súa disposición a continuar a apoiar a inscrición deste patrimonio na UNESCO.

E deste lado chegaron as poderosas Malvela que demostraron que enriba do escenario son a mellor expresión de vitalidade do patrimonio oral e músical, acompañadas por uns recoñecidos Santi Cribeiro no acordeon ou Pablo Ces na percusión. A súa mentora, Uxía, cantou un vira e lembrou á Sra. Carme, considerada un “tesouro humano” e a quen tamén se homenaxeou. A interpretación do Natal dos simples do Zeca Afonso, xunto aos Vozes da Rádio, demostra que Malvela non ten ningún tipo de dificultades para ampliar os seus rexistros e capacidades.

Xa coa festa montada enriba do escenario e co publico entregado, chegaba o fin da Gala, con dúas horas transcurridas, e chegou o Pirim pim pim, a melodía galego-portuguesa que todos cantaron, artistas e público con coreografías incluídas. E mesmo aínda houbo outra e a oportunidade de realizar unha onda a favor do patrimonio cun Xurxo Souto dicindo: Medre o patrimonio inmaterial galego-portugués !

A Gala do Patrimonio foi unha homenaxe ás persoas e comunidades portadoras da cultura popular, esa que deu orixe a tradición oral galego-portuguesa en forma de cantigas nas que se inspiraron os trobadores e xograres medievais.

A Gala vai ser emitida pola TVG e a RTP en próximas datas.

IMAXES: https://flic.kr/s/aHskpjaPY9

GALA DO PATRIMONIO

CULTURAQUEUNE

No marco das celebracións destes 10 anos de traballo a prol do patrimonio común, Ponte…nas ondas! presentou en Tui a plataforma CULTURAQUEUNE, da que forma parte. Unha plataforma que integra a asociacións e entidades da Eurorrexión coa finalidade de unir esforzos nas relacións culturais e nas actividades en ambos lados. Inaugurouse a exposición “DO SAUDOSISMO AO ATLANTISMO”, cedida pola Fundación Vicente Risco, unha mostra que percorre as relacións entre os escritores galegos e portugueses do século XX. A mostra abriuse o día 20 cunha conferencia do historiador Luis Martínez Risco e permanece na Área Panorámica até o día 3 de decembro.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas