Ponte... nas Ondas!

Máis de 300 escolares de toda Galicia percorreron os 30 anos de Ponte… nas Ondas! cunha exposición didáctica en Fonseca

● A mostra “Un modelo para o mundo. 30 anos de Ponte… nas Ondas” pechou este venres as súas portas no Claustro Alto de Fonseca tras dúas semanas de visitas guiadas, obradoiros de radio e unha xornada formativa con preto de oitenta docentes.
● A exposición continúa viva: a súa versión dixital permanecerá aberta de xeito permanente na web da asociación como recurso didáctico para todas as escolas.

A exposición Un modelo para o mundo. 30 anos de Ponte… nas Ondas! pechou este venres as súas portas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca (USC) cun balance moi positivo: máis de 300 escolares procedentes dunha decena de centros educativos de toda Galicia pasaron polas súas salas para descubrir a historia dun proxecto nacido en 1995 nas dúas beiras do Miño e recoñecido pola UNESCO no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. A esta cifra súmase o público xeral e os preto de oitenta docentes que o pasado luns participaron no Salón Nobre na xornada de formación da Rede de Centros Modelo PNO!.

Do casete ao formato radiovisual: unha viaxe pola memoria e a tecnoloxía

Concibida como “a punta do iceberg” do inmenso arquivo acumulado en tres décadas, a mostra propuxo ao alumnado unha viaxe visual e sonora para comprender o concepto que dá nome á asociación: unha tripla ponte que conecta Galicia con Portugal, aos máis novos co Patrimonio Cultural Inmaterial e a toda a comunidade co territorio lusófono.

Un dos puntos que máis atención e asombro espertou entre os rapaces e rapazas durante as visitas guiadas, conducidas polo xornalista José Manuel Diego, foi a vitrina que recreaba a liña do tempo tecnolóxica do proxecto. Acostumados ás plataformas de streaming e aos teléfonos móbiles, os estudantes detíñanse fascinados ante obxectos que para eles resultan case arqueolóxicos: as primeiras cintas de casete nas que se gravaron as emisións iniciais, antigos disquetes de ordenador e os primeiros discos compactos (CD), testemuñas físicas de como Ponte… nas Ondas! soubo adaptar as tecnoloxías de cada época para educar e ensinar a comunicar.

A través dos paneis, fotografías antigas e gravacións, o alumnado puido entender tamén que significa “facer vivo o patrimonio”: desde descubrir como os toques de pandeireta chegan ás aulas grazas ás recollidas feitas a persoas maiores nas aldeas, ata comprobar como a radio escolar serviu durante trinta anos para dar voz ás tradicións locais e recuperar lembranzas “de avós e avoas” para “trasladalas á memoria dos máis novos”.

“Canteira de radio” na Capela de Fonseca

Fiel á filosofía de aprender facendo, cada visita completouse cun obradoiro práctico no set de radio instalado na Capela da Universidade, dirixido por Damián Alonso. Para moitos dos escolares esta foi a primeira vez que se sentaban diante dun micrófono profesional.

Lonxe de intimidarse, os estudantes amosaron unha gran soltura ante os micros e gravaron os seus propios programas falando do que viven nas súas casas: o Samaín, o Nadal, lendas populares e xogos tradicionais. A experiencia deixou patente que, malia vivir nunha época dominada polo visual e polas pantallas, existe “canteira de radio” e que o alumnado valora a palabra como ferramenta para compartir a súa propia visión do patrimonio. Uns podcasts que serán publicados nos vindeiros días no portal web da asociación.

A mostra segue aberta na rede

Aínda que a montaxe física se despide de Fonseca, o percorrido polos 30 anos de Ponte… nas Ondas! continuará dispoñible de maneira permanente na súa versión dixital a través da web da asociación (pontenasondas.org), onde ademais o alumnado aínda pode participar ata mañá, domingo 22 de novembro, no sorteo vinculado á exposición.

A mostra estivo coordinada por Santiago Veloso, con textos e documentación de Roberto Noguerol, deseño gráfico de Andrés Meixide, deseño expositivo de Lía González, produción videográfica de Casa de Tolos, obradoiros a cargo de Damián Alonso, revisión lingüística de Uxía Iglesias, produción de José Manuel Diego e contou cun servizo de mediación xestionado por Closet Comunicación.
O proxecto foi financiado polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia (Xacobeo 2027), coa colaboración institucional da USC -no marco do seu Outono Cultural 2026-.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Certame Imaxes do Patrimonio 2017
Exposición - Un modelo para o mundo
Falamos nas Ondas
Baner Modelo PNO!
Xornada Multimedia 2026
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas