• Desde a Casa da Cultura de Ribeiras de Lea emitiuse este mércores 20 de maio o quinto evento desta iniciativa, que contou co protagonismo do alumnado e docentes do CEIP Veleiro-Docampo.
• O grupo Pärbo e o escritor e docente Lois Pérez foron tamén protagonistas da xornada, con actuacións en directo e a presenza nos micrófonos para o desafío das preguntas da rapazada.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• Logo das visitas a Cea, Muros, Ribeira de Piquín e desta xornada en Castro de Rei, a próxima parada do RadioVisual será Quiroga.
O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.
Castro de Rei foi a quinta das seis paradas que o evento fai en diversos concellos galegos durante esta primavera. Nunha magnífica mañá de sol, o evento desenvolveuse diante da Casa da Cultura de Ribeiras de Lea. Co xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira á fronte, o protagonismo foi para o alumnado da escola local, o CEIP Veleiro-Docampo, que preparou diversos contidos para este programa especial. A emisión comezou ás 12:00 horas e estendeuse arredor de hora e media, podendo seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e nas webs da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org e www.escolasnasondas.com), onde xa pode consultarse a gravación completo do evento.
As nenas e nenos da escola local recrearon unha entrevista a Xabier P. Docampo, imaxinando o neno que foi, e lembrando que o finado autor viviu cando novo precisamente en Castro Ribeiras de Lea. «Con el e coa súa obra aprendemos que os contos da nosa tradición oral son un legado importante do que podemos gozar”, subliñaron. “Non teñades medo a imaxinar”, concluíron ao fío. Pasou a continuación polos micrófonos o narrador, poeta e músico Lois Pérez Díaz, quen precisamente exerce como mestre na escola hoxe anfitrioa, o CEIP Veleiro-Docampo e aproveitou para lembrar o seu forte vencello familiar coa Terra Chá, evocando a memoria de súa avoa e agasallando o público con dous fermosos poemas musicados.
O rexedor local, Francisco Javier Balado, afrontou tamén as agudas preguntas que sobre os desafíos do concello lle fixeron os nenos e nenas do colexio. A mesma curiosidade que co alcalde mostrouna tamén o alumnado con Paulino Méndez, gandeiro, quen fixo memoria da evolución deste traballo ao longo das décadas.
E alén dos contidos arranxados pola rapazada nas aulas, foi tamén protagonista o grupo Pärbo. Trátase dunha formación integrada por Begoña Riobó e Anxo Pintos, que desde a primavera de 2019 pilotan este proxecto conxunto na procura e construción dun repertorio que fusiona a música tradicional galega con elementos contemporáneos. Utilizando instrumentos como o violín, a arpa céltica, a zanfona e a voz, crean un son único que reflicte tanto a tradición como a innovación, logrando unha proposta sonora distintiva. Ademais de actuar, Begoña e Anxo sometéronse este mércores tamén á curiosidade das preguntas dos nenos e nenas e lembraron a vizosa herdanza no territorio lugués das tradicións orais. A memoria musical dos lucenses Florencio o Cego dos Vilares, ou de Modesta Fernández, A cega de Noceda, estivo presente nas pezas interpretadas polo dúo.
GALERÍA DE IMAXES
GRAVACIÓN DO EVENTO



