Ponte... nas Ondas!

Ponte… nas Ondas! fará o Camiño coa Radio do Patrimonio

• Cea, Tui, Sarria e Santiago acollerán catro obradoiros de radio con rapazas e rapaces para poñer en valor o patrimonio inmaterial galego
• A Asociación será avaliada en novembro en Rabat pola UNESCO como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial

Na imaxe, de esquerda a dereita: Ildefonso de la Campa, director da sociedade de xestión do Plan Xacobeo; Jose Manuel Diego, representante de PNO! e conductor dos programas; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela; e Xurxo Antúnez.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! presenta catro programas en catro cidades polas que pasa o Camiño de Santiago para recoller o patrimonio inmaterial que tamén se xerou ós albores das rutas xacobeas. Serán Cea, Tui, Sarria e Santiago as catro localidades que acollerán os obradoiros de radio, A Radio do Patrimonio, nos que colaborarán varios centros educativos sendo o propio alumnado o que exerza de xornalistas con entrevistas a portadores de patrimonio como Pancho Álvarez, Xabier Blanco, o Mago Antón ou Xurxo Antúnez ‘o Terrible’. “Este proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

A serie de programas foi presentada este venres 23 de setembro de 2022 nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi, en Compostela, á que asistiron o director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa; a concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o mestre gaiteiro Xurxo Antúnez. Nela destacouse o papel de Ponte… nas Ondas! como entidade que a través da didáctica achega ao alumnado ao patrimonio inmaterial de Galicia que conecta con Portugal. Un modelo que, ademais, está a piques de ser inscrito no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

A ruta radiofónica comezará o próximo xoves 29 en Cea ás 12:30h na praza do Concello co gaiteiro e recuperador da tradición oral, Xurxo Antúnez como primeiro convidado. Un programa que se fará no exterior, e no que os alumnos do colexio CPI Virxe da Saleta, farán unha demostración do traballo que fai PNO! co patrimonio a través da radio: recuperando imaxes antigas, falarán cun panadeiro xubilado que descubrirá algún dos secretos do pan de Cea e someterán ao alcalde do concello a un terceiro grado.

As seguintes paradas serán en Tui o venres 30, na praza da Catedral de Santa María de Tui, co mestre gaiteiro Xabier Blanco e os alumnos do IES San Paio; e en Sarria o vindeiro xoves 20 de outubro na vella fábrica da Feculera co Mago Antón facendo voar a imaxinación dos estudantes do IES Gregorio Fernández; e rematarán camiño en Compostela o venres 21 de outubro na Praza de Cervantes coa música de Pancho Álvarez ante a mirada dos nenos e nenas do CEIP López Ferreiro.

PNO! a un paso de ser modelo de boas prácticas

O proxecto da Radio do Patrimonio chega a uns meses de que o modelo da Asociación Ponte… nas Ondas! sexa inscrito no rexistro de boas práctica co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO. PNO! leva 27 anos, desde 1995 servíndose dos obradoiros de radio escolar para implicar ao alumnado na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.

A candidatura de PNO! como modelo de boas prácticas co PCI foi presentada por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, en marzo de 2021. Contou co apoio de centros educativos, Universidades, Deputacións, Asociacións, Concellos e diversas entidades que emitiron declaracións a prol da inscrición.

Desde entón o expediente da candidatura foi pasando diversas revisións e agora está pendente do informe do órgano de avaliación da UNESCO. Na 17a sesión do Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro, onde se coñecerá inscrición do “modelo Ponte…nas ondas! De boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas