Obxectivos
- Coñecer e valorar o patrimonio cultural inmaterial local e global.
- Implicar ao alumnado na transmisión de tradicións vivas.
- Fomentar a participación das familias e da comunidade.
Propostas para celebrar o PCI no centro educativo
1. Obradoiros vivos
– Obradoiros de cantos tradicionais, baile popular, música de transmisión oral (pandeireta, gaita…).
– Demostracións de oficios tradicionais (cestería, olaría, coiro, madeira, etc.).
– Obradoiros de lingua oral: contacontos, regueifas, romances, lendas locais.
2. Patrimonio culinario
– Pequeno festival gastronómico con receitas familiares ou tradicionais das familias do alumnado.
– Explicar costumes asociados á comida (a matanza, a vendima, o magosto, etc.).
– Exposición ou demostración de receitas con produtos locais
3. Proxectos audiovisuais e TIC
– Creación dunha“radio do patrimonio” no centro con entrevistas a avoas, avós e veciños que conten historias, cantigas, refráns.
– Curtametraxes/documentais feitos polo alumnado sobre festas locais ou tradicións da súa contorna.
– Podcast escolar sobre calquera manifestación do patrimonio cultural inmaterial.
4. Celebracións e festas escolares
– Escoller unha data significativa, por exemplo o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial (17 de outubro).
– Organizar unha xornada con exposicións, actuacións, xogos tradicionais e degustacións.
– Recrear unha festa local no patio ou no salón de actos.
5. Aprendizaxe baseada na comunidade
– Convidar asociacións culturais, persoas portadoras do patrimonio (cantadoras, artesáns, danzantes, etc.) para compartir co alumnado.
– Saídas didácticas para observar prácticas en vivo: romarías, festas, feiras, ensaios de bandas, faladoiros, museos.
6. Enfoque interdisciplinar
– En Lingua: traballo con tradición oral, literatura popular.
– En Historia: contexto das festas, rituais, transmisión xeracional.
– En Música: interpretación de repertorios tradicionais.
– En Plástica: elaboración de cartaces, traxes, instrumentos.
– En Matemáticas: dar a coñecer sistemas de pesos e medidas tradicionais
– En Bioloxía: as plantas e as medicinas tradicionais
– Etc.
A clave está en poñer en valor o que xa existe na contorna e facelo vivencial, para que o alumnado non só o coñeza, senón que o viva e sinta como propio.
A modo de suxestión enviamos unha posible celebración da SEMANA DO PATRIMONIO, aínda que é posible alongar esta celebración até o 16 de novembro, Día internacional do patrimonio, outra data proclamada pola UNESCO.
Nos próximos días enviaremos un cartel (tamén na nosa web para descargar) para que divulguedes no centro esta celebración do 17 de outubro, DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL.
Semana do Patrimonio Cultural Inmaterial
Luns: O PCI e nós
● Presentacións nas aulas ou salón de actos: que é o patrimonio inmaterial ? (vídeo breve da UNESCO + exemplos locais).
● Exposición nos corredores con imaxes e obxectos do PCI da contorna (instrumentos, fotos de festas, traxes…).
● Actividade de aula: “O meu patrimonio familiar” → cada alumno/a trae unha foto, un dito, unha canción, unha tradición ou receita da súa casa.
Martes: Tradición oral e xogos
● Obradoiro de contacontos e lendas locais con persoas maiores da comunidade.
● Gravación en podcast escolar das historias contadas polos invitados.
● Sesión de xogos tradicionais no patio (chave, billarda, peóns, corda…).
Mércores: Música e danza
● Obradoiros de cantigas, pandeireta, percusión ou gaita con músicos tradicionais.
● Ensaiar algunha danza local ou un baile tradicional
● Peche do día con pequena actuación conxunta do alumnado.
Xoves: Sabores do patrimonio
● Obradoiro de cociña interxeracional: familias convidadas preparan unha receita típica (magosto, filloas, empanada, etc.).
● Explicación das festas ligadas á comida (Samaín, San Xoán, vendima).
● Elaboración dun receitario escolar ilustrado coas achegas do alumnado.
Venres: Festa do Patrimonio
● Feira ou festival no centro:
○ Postos de xogos e artesanía.
○ Exposición de traballos feitos durante a semana (podcasts, receitas, carteis).
○ Degustación de pratos.
○ Actuación final de música e baile.
● Lectura dun manifesto do alumnado: “Compromiso pola salvagarda do noso
patrimonio inmaterial”.
Ao longo da semana tamén se pode facer un diario audiovisual (fotos, vídeos, entrevistas) que despois se comparta en redes sociais e na web do centro como memoria do proxecto.